Xornada sobre o Holocausto e a súa relación coa comarca de Ferrolterra: “O Holocausto e Ferrolterra. Lembrando as vítimas do Holocausto nazi da nosa comarca”


O 27 de xaneiro de 1945 o exército soviético liberaba o campo de exterminio Auschwitz-Birkenau. Esta efeméride sería escollida pola ONU como a data na que conmemorar a memoria das vítimas do Holocausto (Día Internacional de Conmemoración anual en memoria das vítimas do Holocausto). Foron os xudeus o principal obxectivo dos plans de exterminio posto en marcha polo réxime nazi, xunto a homosexuais, xitanos e aquelas persoas que por ter algún tipo de discapacidade eran rexeitadas polos nazis. Non obstante, non foron estes colectivos as únicas vítimas da maquinaria xenocida do III Reich. 

Neste senso, queremos lembrarnos daquelas persoas da nosa comarca, e a súa contorna, que estiveron presas nos campos de concentración nazis, e dos cales algúns deles nunca volveron a saír. En total 23 persoas dos concellos de Ortigueira, Cedeira, Valdoviño, Serantes, Ferrol, Neda, Fene, Mugardos, Ares, Monfero, A Capela e Miño. 

Por iso, dende a Asociación Cultural Ferrolterra Antiga consideramos necesario afondar na divulgación destes feitos, a vez que se manteña viva a memoria das vítimas, e para elo levaremos a cabo unha serie de actos co título “O Holocausto e Ferrolterra. Lembrando as vítimas do Holocausto nazi da nosa comarca”, o vindeiro venres 2 de febreiro, ás 7 da tarde no Antigo Hospicio de Ferrol.

No mesmo terán lugar 2 actos: 
  • Un recital a cargo do Colectivo Literario Moraima, na que diferentes membros do mesmo lerán unhas composicións da súa propia autoría.
  • E posteriormente unha conferencia de Enrique Barrera Beitia (historiador, investigador e membro da Asociación Memoria Histórica Democrática) sobre a relación do holocausto nazi coa comarca de Ferrol.
Este acto está organizado pola Asociación Cultural Ferrolterra Antiga, e conta coa colaboración de Memoria Histórica Democrática de Ferrol e do Colectivo Literario Moraima, ao cal queremos agradecer profundamente a súa colaboración.

A Asociación Cultural Ferrolterra Antiga ten entre os seus obxectivos a investigación, promoción e divulgación do patrimonio histórico-cultural da comarca ferrolá e arredores, así como a programación de actividades culturais e de ocio.



Comentarios